viernes, 3 de mayo de 2013

Fervenza do Ézaro

O Cadoiro ou fervenza do Ézaro é unha fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar na enseada do Ézaro en Santa Uxía do Ézaro, unha parroquia do concello de Dumbría. É a única fervenza en Europa que desemboca directamente no océano. Dende 2012 a fervenza pode verse todos os días do ano. A  zona ten unha paisaxe impoñente de gran valor ecolóxico. A fervenza está rodeada de espectaculares microformas graníticas que forma o Monte Pindo, coma a Pedra do Brazal, un milagre de equilibrio natural. A existencia de paraxes cun gran valor ecolóxico coma a área de Vilafernández, salientan pola súa flora e fauna autóctona. Nos arredores da fervenza atopamos especies botánicas únicas en Galicia coma o carballo anano (Quercus lusitanica), unha herba hidrófila chamada Isoetes longissimum que ocupa os ríos con augas ben osixenadas, ou a escasa herba carnívora Drosera anglica. Polo xeral a vexetación é típica de matogueira con toxos, uces e queiroas, e con piñeiros e carballos principalmente coma estrato arbóreo. Respecto da fauna atopamos unha pequena variedade de mamíferos de interese non só natural, senón tamén cultural. No encoro da Fervenza áchanse poboacións de aves de zonas húmidas. Son tamén frecuentes aves coma os mouchos e as curuxas. Dos anfibios abondan unha gran variedade específica de ras nomeadamente no encoro de Ponte Olveira. No río atopamos sobre todo troitas e escalos.
O arredores da fervenza, o Monte Pindo, e en xeral, a paisaxe de Dumbría, incluíuse coma Lugar de importancia comunitaria (LIC Carnota-Monte Pindo), integrada na Rede Natura 2000, e foi declarada en 2004 Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Co todo polo de agora carece dunha figura de protección xurídica, polo que moitas asociacións intentan que se declare ao Monte Pindo parque natural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario