jueves, 22 de noviembre de 2012

O canón do Sil


Os Canóns do río Sil son unhas das paraxes máis impresionantes que se poden visitar na xeografía galega. Están situados preto da unión entre o río Sil, e o río Miño, na zona da Ribeira Sacra. Está cortado por numerosos encoros, que fornecen de auga e electricidade a boa parte da poboación galega, e dos arredores. Esta área natural abrangue os concellos de Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil, cunha superficie de 5.914 hectáreas. Ten impresionantes contrastes, entre grandes pedras e auga, vexetación e auga, xogos de reflexos. Todo un espectáculo para a vista. As pedras semellan xigantes, reis, toman formas diversas, que a xente xoga a descubrir no transcurso dos paseos que se poden facer en catamarán, que é a mellor maneira de apreciar os seus desniveis, de máis de 500 m. nalgúns puntos, e con pendentes de máis de 50°, ás veces case verticais. A experiencia nunca estaría completa se non se mira tamén dende enriba, que amosa un mundo diferente, cunha grandiosidade loable. Así pois, é un dos lugares máis importantes tanto paisaxisticamente, como vitivinicolamente. Nas ladeiras destes montes, e nos arredores, atópase a D.O. Ribeira Sacra, que tamén forma un espectáculo coas viñas nas abas, chegando ata a auga. A particular orografía deste espazo natural de máis de 16.000 has. resulta do forte desnivel entre as augas do Sil nos Peares (109m.) e a altura máxima da Pena do Xastre (1.014m.). En canto a súa xeoloxía, o Canón do Sil ten unha orixe meramente tectónica e non fluvial. No cuaternario, ó comezar o basculamento da peniplanicie, producíronse fracturas que quebraron o terreo en bloques xigantescos, formando así a canle polo que flúe o río Sil. A estas características hai que engadirlle a transformación da paisaxe levada a cabo pola man do home mediante o cultivo da vide en socalcos e a construción de grandes encoros como o de Santo Estevo ou San Pedro. Desta maneira, o mosaico natural e paisaxístico que resulta desta serie de singulares características é único e irrepetible en toda Galiza.
 



No hay comentarios:

Publicar un comentario